Pontevedra
pioneira
A compostaxe é doada, gratis e moi beneficiosa, xa que o compost é un fertilizante natural de gran valor.
Como sabes, Pontevedra é pioneira en materia de compostaxe e agora, co novo modelo para a xestión de residuos que vimos de estrear, aínda será mellor.
Na cidade, as illas de compostaxe comunitaria aumentarán de 32 a 100, para poñercho máis fácil se vives na área urbana e queres compostar.
Nas parroquias reforzarase a compostaxe a través do formato individual. Instalaranse composteiros en todas as vivendas, xa que compostar pasará a ser un deber para a veciñanza.
Compostaxe
comunitaria
Compostaxe en illas comunitarias da área urbana.
O procedemento consta de cinco pasos moi sinxelos:
Separa ben na casa os biorresiduos. Lembra: non todos os restos serven para compostar.
Deposita os restos no módulo de achega da illa de compostaxe comunitaria máis próxima á túa vivenda.
Se trouxeches os residuos orgánicos nunha bolsa de plástico non compostable, non a botes no composteiro.
Se trouxeches os residuos orgánicos nunha bolsa compostable, bótaa aberta ou rota para evitar que fermente.
Cubre os biorresiduos dentro do composteiro co estruturante (restos de poda triturados) que atoparás no caixón anexo.
Pecha a tapa do módulo de achega do composteiro.
Compostaxe
individual
Se vives nunha casa debes unirte ao plan cubrindo o formulario. Unha vez rexistrada a solicitude, recibirás o teu composteiro individual no fogar.
O noso persoal especializado proporcionarache toda a información e o asesoramento técnico necesario para que, en pouco tempo, obteñas o teu primeiro compost.
Pon no composteiro unha base ou cama duns 10 cm de espesor de material leñoso e seco (o estruturante). A súa función será facilitar a aireación.
A continuación bota os biorresiduos. Cada vez que achegues restos húmidos (restos de comida, restos de céspede segado recentemente, etc.), engade tamén estruturante (pólas trituradas ou partidas, follas secas, etc.), para equilibrar o nivel de humidade e favorecer unha boa aireación.
Remexe ben o material novo que acabas de botar no composteiro e, cando acabes, cúbreo con estruturante.
De cando en vez fai remexidos profundos de todo o material que está no composteiro para evitar compactacións e corrixir, se é preciso, o nivel de humidade. Ten en conta que os biorresiduos, para que composten ben, deben estar lixeiramente húmidos, polo que se os ves secos, régaos, e se están húmidos de máis, engade estruturante e remexe.
Que podes
depositar nos
composteiros?
SI
Restos de froita e froitos secos (cascas e mondas incluídas), hortalizas.
Calquera resto de alimento cociñado ou cru. Carnes (ósos incluídos), peixes, espiñas, mariscos (cunchas e cascas tamén), arroces, pastas, pan, lácteos e ovos (cascas incluídas).
Plantas pequenas, restos vexetais dos floreiros, escarvadentes, paus de xeado, anacos pequenos de madeira sen tratar.
Pousos de café e filtros de papel, bolsas de infusións (sen grampas), panos de mesa de papel, tapóns de cortiza, papel de cociña usado.
NON
Medicamentos (envases e contido). Cabichas, cinzas.
Téxtiles, incluídos os de uso sanitario (cueiros, compresas e tampóns).
Residuos de limpeza como po de varrer ou a bolsa da aspiradora. Excrementos de animais. Serraduras e pequenos restos de madeiras se están tratadas.
Residuos destinados á recollida selectiva ou ao punto limpo: papel, cartón, envases, plásticos, pinturas, vidro, líquidos, aceites, etc.








